En primeiro lugar, compartimos totalmente a preocupación expresada por diferentes persoas e colectivos de que o establecemento dun diñeiro exclusivamente telemático, se convirta na trampa dunha tiranía telemàtica baixo o control dunha minoría que non responda dos seus actos perante ninguén.
Esta preocupación basearíase na posibilidade de que a rede telemática estivese sometida ao control exclusivo da elite económica e política imperante. É o control, ou mellor dito descontrol, irresponsable da rede ou das redes o que nos leva a esa probable gran trampa e non o diñeiro electrónico en si. Trampa que xa se produce na actualidade sen agardar a que o diñeiro electrónico teña exclusividade.
O diñeiro anónimo, primeiro de moedas e logo de moedas e billetes, creado hai 4300 anos baixo o mandato de Sargón I de Akkad, -e cuxa aparición coincide co inicio dos imperialismos modernos sucesivos que dura até os nosos días-, é a ferramenta coa que se fixeron posibles feitos como o atentado contra John Fitzgerald Kennedy do 22 de novembro do 1963, o golpe de estado do 11 de setembro de 1973 en Chile contra Salvador Allende ou o atentado contra Olof Palme do 28 de febreiro do 1986 en Suecia, cando estes dirixentes se dedicaban ou estaban a piques de realizar accións gubernativas ou de denuncia a prol dos seus respectivos pobos.
De esquerda a dereita: John Fitzgerald Kennedy, Salvador Allende Gossens e Olof Palme. Fonte: Wikipedia.
Desde o Centro de Estudos Joan Bardina, e co fin de evitar a previsible tiranía telemática que suporía un diñeiro telemático baixo o control despótico da plutocracia ou dos gobernos, reivindicamos diferentes medidas. Entre elas, que as redes telemáticas xestoras do diñeiro electrónico se sometan ao control exclusivo dunha xustiza independente dos poderes executivo e lexislativo das diferentes Administracións. Unha xustiza así mesmo independente dos poderes privados, mediante a asignación automàtica dunha porcentaxe fixa dos orzamentos tanto ordinarios como extraordinarios de cada estado para a xustiza e autoxestionados pola propia xustiza.
Como contraexemplo temos que, no Estado español as diferentes administracións executivas dun e outro signo partidista someteron á Administración de Xustiza á máis absoluta indixencia de recursos, polo que xuíces e tribunais áchanse a mercé das presións dos máis fortes en cada proceso, mesmo da propia autoridade política, e baixo a ameaza do suborno ou das presións, pagadas co uso dun diñeiro, sexa anónimo, que non deixa proba xurídica en cada intercambio, ou sexa diñeiro electrónico dentro dunha rede monetaria telemática baixo control privado, pero onde o xestor deste control privado pode alterar arbitrariamente o seu contido e eliminar todo tipo de probas.
Un Sistema Xeral como o que reivindicamos debe de incorporar diferentes medidas que faciliten a eliminación da corrupción, pero á vez a eliminación da miseria material, posto que cun diñeiro exclusivamente nominativo e telemático, a caridade faise practicamente inviable e débense garantir uns ingresos mínimos para todas aquelas persoas que non teñan salarios ou pensións. Falamos concretamente dunha renda básica universal.
Habemos de ter en conta que temos unha crise de sobreprodución. Existe abundancia de produtos e xente disposta a compralos, pero non existe diñeiro no mercado para concretar a súa adquisición. A cada vez maior automatización, maquinización e robotización dos sistemas de produción de bens básicos lévanos a unha sociedade na que unha minoría de empresarios dispón da maioría dos medios de produción, pero onde se van acumulando uns stocks imposibles de vender debido a que o resto de persoas atópanse na indixencia debido ao paro.
Un diñeiro telemático nominativo exclusivo ha de comportar que a autoridade política debe ter a capacidade de inventar e desinventar o diñeiro que sexa necesario para manter o equilibrio entre a oferta e a demanda, e evitar así que cada vez que se invente diñeiro se faga mediante un endebedamento que medra exponencialmente, como ocorre nos EUA coa Reserva Federal e na zona Euro co Banco Central Europeo. Este endebedamento é a causa actual da ruína de multitude de estados e particulares, o cal provoca a clausura dos servizos públicos que mantiñan as diferentes administracións. Se co diñeiro anónimo o coñecemento preciso do mercado era imposible para ninguén, co diñeiro exclusivamente telemático a autoridade política disporá entón, por primeira vez desde hai 4300 anos, de datos estatísticos fiables do conxunto do mercado, requisito previo para unha adecuada planificación.
Un diñeiro telemático exclusivamente nominativo debe de comportar tamén o paso dun estado de feito, sometido aos poderes fácticos, a un verdadeiro estado de dereito, no que cada acto mercantil deixe unha proba xurídica, condición necesaria para o exercicio da responsabilidade, pero onde os datos particulares de cada persoa estean a disposición só desa persoa ou en mans dun xuíz ou tribunal unicamente no caso de que se abra un proceso relacionado coa devandita persoa. Así mesmo, unha xustiza dotada de recursos e persoal suficientes pode atender máis rapidamente os procesos, mantendo as debidas garantías procesuais e resolvendo sen enquistalos os diferentes conflitos xurídicos que se producen na sociedade.
Cun diñeiro electrónico sen as garantías que mencionamos, e outras que podedes consultar nos documentos do noso sitio web (http://bardina.org/ammses06.htm), é máis fácil que teña lugar esta posible trampa que nos preocupa.
Pero ademais desta trampa do diñeiro electrónico, tamén é deplorable a situación actual: a trampa do diñeiro anónimo, pois calquera intento de cambio político a prol do cidadanía é malogrado dado que os poderes fácticos dispoñen de suficiente diñeiro anónimo co que pagar presións, subornos e crimes impunes, impedindo repetidamente a necesaria evolución política, económica e social da Humanidade.
Moi probablemente, do mesmo xeito que a invención do diñeiro anónimo desencadeou o inicio dos imperialismos modernos que duran desde hai 4300 anos até os nosos días, un diñeiro telemático exclusivamente nominativo, pero coas debidas garantías imprescindibles, pode ser a orixe dunha nova era de paz, xustiza e responsabilidade en todos os ámbitos da actividade humana.
Moitas grazas por compartillar esta información.
Brauli Tamarit Tamarit.
Luns, 11 de novembro do 2013.
Tradución ao galego: Elisa Borrazás.