Agustí Chalaux de Subirà.
Os nobres ideais de Paz, Liberdade e Xustiza no mundo han de atopar unhas estruturas culturais, económicas, sociais e políticas para configurarse e desenvolverse.
Dende a non-violencia intelixente e activa, loitar para conseguir estes ideais non pode consistir unicamente en actitudes de denuncia da inxustiza, da opresión e da guerra. A non-cooperación e a desobediencia civil hannos levar a un programa construtivo, a unha alternativa concreta.
Unha loita exclusivamente «anti» algunha cousa, sen un marco global alternativo de referencia, resulta a miúdo estéril. Non parece que pola soa confluencia de moitos grupos que levan a cabo loitas puntuais (pacifistas, ecoloxistas, feministas, antimilitaristas, naturistas,...) se vaia configurar un movemento alternativo capaz de crear un novo modelo global de sociedade.
Tampouco parece suficiente o anuncio dun novo tipo de valores, de pensamento, de relacións, para construír unha nova civilización. O cambio cultural e de mentalidade é importantísimo, pero sen unhas estruturas que as potencien, limítanse tan só a pequenas minorías desligadas a miúdo do nivel de concienciación xeral.
Na polémica entre ideais e estruturas podemos recorrer ao símil seguinte: os ideais son a enerxía e as estruturas son o motor. É preciso que os ideais fagan funcionar as estruturas. Pero é evidente que son precisas estruturas que non atropelen os ideais, senón que os axuden a desenvolverse na práctica inmediata e diaria.
Na procura desas estruturas necesitamos analizar os fenómenos que as conforman. Podemos realizar unha aproximación ao devandito análise por medio do «método científico experimental» mediante o cal podemos medir e, evidentemente, experimentar os fenómenos.
A aplicación deste «método científico pro-experimental» aos fenómenos -e non ás ideas- deu grandes resultados en física, química, bioloxía, electrónica,... Estes resultados son empregados ideoloxicamente e afectivoloxicamente a favor ou en contra da paz, a liberdade e a xustiza, segundo os intereses subxectivos dos grupos que controlan o proceso científico e sobre todo o proceso da súa aplicación técnica. Este proceso pseudocientífico principalmente subxectivo está a ser manipulado até tal punto, que estamos tentados a identificar dita «ciencia-técnica» coa contaminación, o armamentismo, o control policíaco, a opresión,...
Malia estes aspectos ideolóxicos e afectivolóxicos tan negativos e ameazadores, non podemos negar que a aplicación do «método científico pro-experimental» sobre os fenómenos, permite obxectivar a realidade, desligala das ideoloxías e resolver polémicas pseudofilosóficas que a deforman e que son tamén empregadas como instrumentos de poder.
Cando un fenómeno pode ser observado, analizado, medido exactamente e experimentado, non hai ningún científico, digno de tal nome, que prefira continuar tratando estes fenómenos con ideas preconcibidas, visións idealistas ou só con aproximacións estatísticas. Este comportamento, típico das ciencias físicas e bio-físicas, é deixado de lado en xeral cando o que se quere resolver son problemas económicos, sociais e políticos. Enfocamos a organización humana como se enfocaba a organización astronómica antes de Copérnico: «a Terra é o centro do Universo», por definición!
Non chega con afirmar os nosos ideais, a miúdo etiquetados como utópicos, sen analizar as causas polas cales o son. É dicir, non chega con afirmar a paz, a xustiza, a liberdade, a sociedade sen clases, a anarquía, a solidariedade, a supresión do estatismo e das estruturas militaristas, policíacas e administrativistas, do diñeiro oculto e do mercado negro, do machismo, da contaminación,... É necesario que, xunto a estes ideais, estudemos como se ha ir desenvolvendo a desorde actual, ao longo da evolución humana, e pescudar as causas máis importantes xeradoras doutras desordes.
É preciso atopar medios fáciles e prácticos para aclarar estas situacións de desorde, unha por unha, para chegar a mostralas de forma transparente e, no momento adecuado, que se poida desenvolver o nobelo de xeito normal.
Non chega con querer a revolución; é necesario saber como avanzar dende o presente, como incidir nas estruturas, contando con instrumentos concretos para resolver cada problema. As tomas de poder, sen os mecanismos autodestrutores do poder, perpetúano. As revolucións violentas, quedan tarde ou cedo atrapadas nos seus crimes e consecuencias. As posicións simplistas de clase, ideolóxicas ou afectivolóxicas forzan unha visión idealista da realidade, que destrúe moita sabedoría e riqueza acumuladas ao longo dos séculos pola humanidade.
Unha revolución non-violenta activa e intelixente, é hoxe unha posibilidade, pero ha de ser unha revolución aberta, non sectaria, que axude a crear novas regras de xogo instrumentais, sen necesidade de sangue e lume para imporse. Para emprender o camiño de acabar coa miseria e o ilexítimo poder sobre e contra as persoas, necesítase ofrecer aos pobos uns procedementos prácticos que dean resultados rápidos de solidariedade e autopacificación e que xeren un optimismo sensato e unha elevación de espírito.
Con este propósito, moi brevemente, suxerimos algúns dos puntos que consideramos fundamentais para avanzar concretamente cara á paz, en liberdade e con xustiza.
A moeda e a telemática, dous instrumentos ao servizo de quen?
De todos os fenómenos humanos, os relacionados coa produción e a distribución de bens útiles para a vida son os determinantes de gran parte das relacións sociais. A procura da máxima claridade no mercado e na sociedade e da real responsabilidade persoal de cada axente mercantil e social é un dos obxectivos básicos de calquera proposta económica, social e política.
No reino de «feita a lei, feita a trampa» e de «quen ten a información ten o poder», o materialismo histórico móstranos que é preciso buscar uns instrumentos concretos, que fagan posible esta claridade documentaria e responsabilidade persoal no mercado e na sociedade, sen as cales todo cambio está condenado ao fracaso: perpetúanse o poder sobre as persoas e a miseria por razón de diñeiro anónimo, impersoal e irresponsabilizante, multicirculante e por conseguinte anticontable e antiestatístico, en definitiva anticientífico; resumindo radicalmente desinformativo.
Existen hoxe en día dous instrumentos especialmente importantes para o obxectivo máis arriba indicado: a moeda e a telemática (tele-in-for-mática ou sexa in-for-mática a distancia, con numerosas redes especializadas, cada día máis e mellor interconectadas, con potenciais globalística e cibernética que están case iniciadas e indefinidamente perfectibles). Abreviando: telemática.
A moeda é un instrumento inventado hai máis de 10.000 anos, para facilitar de maneira supertransparente os libres cambios interpersoais de bens utilitarios. Hai só uns 4.500 anos que é utilizado para manter indefinidamente a escuridade informativa do mercado e da sociedade xa que permite o anonimato, a irresponsabilidade e a corrupción, e é a base do ilexítimo poder oculto e estatista sobre e contra as persoas chamado «plutarquía». A moeda non foi valorada nos últimos séculos como instrumento decisivo para unha clarificación e responsabilización do mercado e da sociedade. É na actualidade, e a través dun instrumento inerte como a telemática, que pode adquirir a súa verdadeira dimensión.
A telemática está a levarse á práctica como un instrumento de poder e de opresión sobre e contra as persoas, sobre a base dun monopolio do saber concentrado nos «bancos de datos». As posibilidades da revolución da «informática interconectada» son impresionantes tanto para a liberdade como para a opresión. Unha simple oposición «antiinformática» non deterá a súa expansión, nin impedirá, de feito, o monopolio da información en man dos poderes establecidos e contra o pobo.
En tanto que instrumentos inertes, a moeda e a telemática poden ser redefinidos nas súas funcións actuais ao servizo dos poderes ocultos co obxecto de que se convirtan en instrumentos eficaces ao servizo dos pobos:
1. Substituíndo «a actual moeda anónima» por «factura-cheque telemática».
A moeda anónima permite o xogo sucio aos grupos de corrupción, de poder, de presión, de represión… Favorece os actos ilegais e é desinformativa, con todos os efectos antisociais que isto xera.
A «factura-cheque telemática» é un documento único, escrito manual ou electronicamente, que informa exhaustivamente de cada acto mercantil elemental e personaliza os axentes de compra-venda, responsabilizándoos.
A «factura-cheque telemática», como factura, rexistra con todos os seus parámetros de calidade e cantidade, a mercadoría elemental intercambiada e o seu valor monetario, así como o total facturado; como cheque, dá a orde de pagamento para a transferencia entre contas correntes.
2. Socializando toda información monetaria-telemática do mercado, exceptuando as referencias persoais.
A «factura-cheque telemática» permite unha intracontabilidad total. A socialización de toda a información telemática do mercado ao servizo e ao alcance de todos. Permite un exhaustivo procesamento analítico-estatístico que posibilita unha lúcida estratexia económica e un tratamento de «ciencia experimental» cara aos fenómenos económicos.
3. Protexendo a privacidade individual, familiar, empresarial e institucional por unha Xustiza realmente independente do Estado, única responsable do arquivo telemático personalizado.
O «ministerio» de Xustiza é un ministerio sobrante, a través do cal se exercen «presións» contra os Xuíces e Maxistrados que queren ser fieis á súa vocación de independencia. Como consecuencia, a «burrocracia estatista» utiliza a información telemática para a represión fiscal e policíaca do pobo, sen que este poida protexerse.
A Xustiza real e presupostariamente independente do Estado, non sendo corruptible a través do diñeiro anónimo e tendo que dar as sentenzas omnidocumentadas e motivadas, pode converterse nun elemento de confianza para toda a poboación e para a clarificación de conflitos.
A modo de índice, expomos a continuación algúns dos elementos importantes do ensaio feito, e das propostas que del se derivan.
A moeda como unidade abstracta de medida.
Nas sociedades en que, debido á complexidade e tipo de relacións produtivas intercambian bens utilitarios, aparece o mercado: lugar de intercambio de mercadorías. Na medida en que o mercado crece, é necesario facer equivalentes os intercambios de mercadorías: aparece a moeda primitiva como unidade abstracta de medida que ao ser asignada libremente entre dúas libres persoas contractantes (comprador e vendedor) cada mercadoría elemental dá no mercado o valor dos prezos, dos salarios e do diñeiro1.
A moeda como mercadoría concreta, con valor intrínseco.
Hai uns 4.500 anos a moeda pasa a ser unha mercadoría concreta, con valor intrínseco -ouro, prata, cobre…- e perde o seu carácter de unidade de medida totalmente abstracta, documentalmente personalizadora. En tanto que «terceira mercadoría concreta» a moeda metálica mostrouse escasa para facer fronte a un mercado case sempre en expansión, e influíu negativamente sobre as posibilidades produtivas e sobre a capacidade de consumo e de investimento. Polo seu anonimato consustancial permitiu o xogo sucio, a corrupción, o roubo, a falsidade, o poder oculto... que a historia do últimos catro mil anos até hoxe nos documenta.
As necesidades de financiamento da guerra de 1914 forzaron a desvincular a moeda do ouro e da prata. Os billetes de banco foron declarados de curso forzoso, inconvertibles. A moeda perde entón o seu valor intrínseco e ao longo do século se desmaterializa progresivamente. A desconfianza que produce esta nova forma inflacionista de diñeiro, influíu na depresión de 1929. Para resolvelo os Estados lanzáronse a unha crecente militarización, a un desorbitado armamentismo... e finalmente á Segunda Guerra Mundial.
En agosto de 1971, Nixon toma a decisión unilateral de desvincular o dólar do «patrón ouro» (gold exchange standard). A crise económica así provocada dispárase a partir de 1973: semellantes causas inflacionistas están a producir os mesmos efectos.
A moeda, cada vez máis, está a transformarse en diñeiro bancario escriptural (anotacións en contas correntes, ultimamente simples impulsos electrónicos), pero malia perder totalmente o seu valor intrínseco, continúa permitindo grande parte do anonimato e da desinformación, a despersonalización e a irresponsabilización de todos os axentes do mercado e da sociedade.
A irracionalidad dos actuais sistemas monetarios imposibilita captar todas as características ou parámetros de cada cambio elemental dunha(s) elemental(is) mercadoría(s) concreta(s) contra unhas unidades monetarias radicalmente abstractas. Non permite, xa que logo, coñecer exactamente (ex-actis) que pasa na macroeconomía real.
Esta falta de captación exacta de cada fenómeno elemental impide aplicar calquera teoría económica co rigor de ciencia experimental. As aproximacións estatísticas, baseadas en datos parciais, resultan unha suma de erros acumulados. Os métodos aproximativos quedan abandonados en calquera ciencia cando é posible tecnoloxicamente a captación exacta e exhaustiva de cada fenómeno concreto elemental.
Posibilidades da factura-cheque telemática.
A racionalización da moeda e o diñeiro supón a desaparición legal de todos os billetes de banco, pezas de moeda, talóns, letras, etc. actuais. Todos eles ao portador, anónimos, multicirculantes, e por ende, desinformativos, despersonalizados e irresponsabilizantes.
Permite a súa substitución legal exclusiva polo que se denominou anteriormente «factura-cheque telemática». Esta, moi pola contra, resulta radicalmente unicirculante, personalizada, responsabilizante e informativa.
A «factura-cheque telemática» permite unha fácil lexislación que garanta o cobro en todos os casos de insolvencia, así como a recadación automática dun único imposto de solidariedade social máis rendible que os complicados e custosos sistemas fiscais actuais.
Insistimos: da personalización que comporta a «factura-cheque telemática» como única moeda legal, derívase a responsabilización persoal documentada dos actos libres no mercado e na sociedade. Pódense establecer os mecanismos legais para lograr que o diñeiro mercantil2 non se transforme en poder antipolítico; o saber liberal non se transforme en poder antisocial; as estruturas de mando non se transformen en poder sobre e contra as persoas individuais, sociais ou nacionais.
Coa información completa da economía e a simplificación fiscal consecuente, pódese suprimir rapidamente, cun salario gratuíto mínimo de solidariedade social, a miseria provocada pola falta de diñeiro de consumo, como primeiro paso para suprimir as clases por razón de diñeiro e as miserias culturais que se derivan.
A «factura-cheque telemática» como única moeda legal permite a intra-contabilidade global exacta da sociedade, xa que a información de cada cambio elemental de mercado introdúcese na rede telemática. Así pódese evitar a «desorde capitalista actual» e a imbécil «planificación» centralista, debido ao feito de que a información dineraria está socializada, é dicir, ao alcance comprensible e gratuíto de cada cidadán. («Socialización» é, polo tanto, a situación contraria a «estatalización» ou monopolio desinformativo por parte do estatismo desgraciadamente aínda imperante).
Parece evidente que coa información que ofrece a «factura-cheque telemática» pódense encher facilmente e con datos exactos as «táboas de Leontiev», instrumento moi preciso para guiar eficazmente a estratexia do mercado e da sociedade3. Tamén poderán ser formuladas con precisión e sometidas a experimentación as hipóteses do «ben común mercantil» de Platón; de «a plusvalía (privada de cada empresa e comunitaria do mercado global)» de Karl Marx; e sobre «o factor residual» dos economistas contemporáneos.
En caso de confirmación experimental continua «o ben común» poderá partirse e distribuírse equitativamente ao servizo de todo o pobo en forma de salarios gratuítos de solidariedade social para o consumo e de créditos comunitarios para o investimento reprodutivo.
Este cambio instrumental da moeda e o diñeiro é hoxe tecnicamente posible. Cara á poboación non é máis complexo que o cambio que supuxo a implantación do «sistema métrico decimal». O feito de que este cambio non se expuxera antes, non só depende de que hoxe -e só hoxe- é tecnoloxicamente posible, senón dos beneficios ilícitos que xerou até agora e continua xerando aos banqueiros e a outras persoas, individuais e colectivas, que dende hai 4.500 anos de mercado con moeda anónima, coñecen e exercen «a creación e apropiación privada ilexítima de diñeiro comunitario».
A dinámica tecnolóxica está, coa telemática, facendo da moeda bancaria un documento de conta abstracta. Pero mentres non se suprima o anonimato deste documento dinerario, o xogo sucio está garantido. Ademais, actualmente, a información que permite a telemática emprégase para o control fiscal e policíaco, e queda reservada só aos núcleos «burrocráticos» do poder estatista e aos núcleos plutárquicos do poder oculto do diñeiro anónimo.
Quen ten a información hoxe en día ten o poder. É preciso establecer unhas novas «regras de xogo» para conseguir que todo o pobo teña acceso gratuíto á información macroeconómica total e exacta da sociedade (mercado e liberato). É preciso virar o uso da telemática para evitar unha das peores tiranías da historia: a do «estatismo telemático».
Deter a revolución telemática, globalística e cibernética é case imposible, pero si que é posible expor un modelo alternativo en que a información de todos os fenómenos monetarios-dinerarios elementais estea ao servizo de todos os membros da comunidade xeopolítica. É necesario que a rede telemática e a súa información sobre as persoas non dependa dun estatismo anónimo, «burrocrático», despersonalizado e irresponsable, senón dun Imperio ou Comunidade realmente xeopolítica. O novo revolucionario Estado Imperial, xerente personalizado e responsable de cada comunidade xeopolítica, unicamente pode coñecer, como calquera outro cidadán, a información económica precisa para o «goberno ou cibernética das cousas», pero non ten ningún control da información persoal dos actores sociais do mercado e do liberato, a cal queda como «segredo profesional» exclusivamente en mans dunha Xustiza realmente independente do Estado.
Conexión entre moeda anónima e imperialismo belicista.
Sen «os pés de barro» da moeda anónima poderase ir estudando e resolvendo eficazmente, un por un, todos os conflitos internos: o paro, a inflación, a inseguridade cidadá, o centralismo, a contaminación, os servizos públicos,...
Só unha intraconfederación libre de todas as etnias dun Imperio histórico ou nacente4 pode conseguir a pacificación da comunidade xeopolítica federada. Só coa supresión da miseria en liberdade pódense pacificar os conflitos sociais. Só a partir dun equilibrio do comercio entre as comunidades imperiais, sen imperialismos nin dependencias colonialistas, se podería conseguir avanzar na paz mundial.
A polémica entre «liberdade» e «xustiza» ou entre «países pobres» e «países ricos» non será resolta con posicións ideolóxicas nin discursos. Segundo a nosa hipótese, calquera intento de crear estruturas sociais potenciadoras da solidariedade en liberdade, que non teña en conta a importancia decisiva da moeda como instrumento informador e responsabilizador, dexenera rapidamente en poderes ocultos incontrolables polo pobo e en xogadas especulativas antipolíticas do actual mercado internacional que frustran calquera intento de cambio.
Esta hipótese parece documentada nun feito curioso: as últimas investigacións están a demostrar que a guerra non é un feito connatural á especie humana, senón un invento serodio que non vai máis aló dos 13.000 anos. As «cidades-imperio» de Asia sud-occidental conseguiron unha forte inexpugnabilidade nas súas murallas que lles deu unha certa pacificación durante case 6.000 anos. É xusto neste período que se desenvolveu, como vimos, a moeda de conta abstracta, informadora e responsabilizadora.
O feito curioso, reside na coincidencia de datas entre, dunha parte, a aparición da moeda concreta de ouro, prata e cobre por definición multicirculante e anónima, e doutra parte, a aparición do primeiro Imperialismo: este foi o akkadiano-babilónico que, sen ter as armas ofensivas necesarias para derrubar as murallas, venceu rapidisimamente por traizón comprada con diñeiro anónimo, e anexionou, máis rapidamente aínda, unha por unha, todas as libres «cidades-imperio» de Sumer. Akkad-Babilonia convértese así no símbolo da traizón, da corrupción e da prostitución anónima pagada con oculto diñeiro anónimo e do poder ilexítimo e antisocial sobre e contra as persoas, fundamentado no mesmo diñeiro oculto e anónimo. Estas són as características históricas de todos os imperialismos posteriores até a data de hoxe.
Esta conexión entre moeda anónima e imperialismo belicista é unha hipótese histórica que só podemos pór a proba e experimentar se volvemos á primitiva, pero telematicamente actualizada «factura-cheque». Os resultados sociais que se poderán obter a medio e longo prazo -desaparición ou non dos imperialismos, progresiva pacificación ou non dos pobos, desaparición ou non do roubo, da corrupción, da miseria, da guerra...- serán a confirmación, ou non confirmación, desta hipótese.
En momentos en que a gravidade dos perigos nos leva a miúdo ao activismo, saber cara onde concentrar os esforzos depende dunha visión máis real dos fenómenos e dunha estratexia adecuada: «A mellor práctica é unha boa teoría».
Estas propostas non son unha utopía en canto a posibilidades técnicas actuais, sono de momento como posibilidade política. Cada sociedade, cada comunidade ha facer unha crítica e ha estudar a aplicación concreta á súa realidade cultural, técnica, económica e política.
É a enerxía íntima dos pobos a que pode facer posible os cambios necesarios, pero é preciso saber en que instrumentos pode concretar a enerxía popular os seus desexos e ideais. Aquí propomos algúns. Esta é nosa humilde achega á procura de estruturas e medios que nos permitan, neste momento histórico, avanzar un pouco máis cara á paz, en liberdade e con xustiza.
Notas:
1As últimas investigacións sobre a orixe da escritura en Asia Sudoccidental documentan, a partir do -8.500, a existencia de instrumentos monetarios sen valor intrínseco, que servían para medir o valor dos intercambios, especificar as mercadorías e, progresivamente, personalizaban aos axentes do mercado. Véxase «Investigación e Ciencia» número 23, agosto 1978: «El primer antecedente de la escritura» («O primeiro antecedente da escritura») Denise Schmandt-Besserat e número 91, abril 1984 «Números y medidas en los primeros documentos escritos» («Números e medidas nos primeiros documentos escritos») Jöran Friberg.
2A habitual expresión «mercantil» corresponde a «mercante-monetario».
A expresión «mercante» corresponde a «utilitario-canviario».
3A sociedade componse de «mercado» e «liberato».
O «liberato» comprende «o conxunto das persoas liberables» e «o conxunto dos vocacionais liberais, profesionais e asociativos, ao servizo altruísta e desinteresado incondicional de calquera membro da comunidade considerada, necesitado de axuda social».
4Imperio nacente: por exemplo, Europa 1997-...
Un instrumento para construír a paz.
Consello de redacción:
Roser Albó, Àngels Baldó, Agustí Chalaux, Miquel Chicano, Laura Fusté, Magdalena Grau, Joan Parés, Enric Suárez, Jordi Via, Lluís Maria Xirinacs.
Consello Asesor:
Joan N. Casals, Emil Herbolzheimer, Joan Martínez Alier, Bernat Muniesa, Ernest Núñez, Martí Olivella.
Primeira edición: Barcelona 1 de xullo 1984.
© Centro de Estudos Joan Bardina.
Segunda edición: Barcelona 6 de decembro 1996.
© Agustí Chalaux de Subirà.
Tradución ao galego: Elisa Borrazás.
Deseño do orixinal impreso: Marta Ricart.
ISBN: 84-404-3421-9.
Depósito legal: B-15340-1995.
Ligazóns relacionadas:
Pequena historia da moeda.
O capitalismo comunitario.