Alexandre Deulofeu (1903-1978) afirmou que todos os pobos da terra viven dentro de culturas que pasan por fases alternadas, primeiro de fragmentación e despois de unificación. A verdadeira nova creación artística, filosófica e científica prodúcese durante as fases de fragmentación, e durante as fases de unificación non hai unha verdadeira nova creación, pero distribúese esta creación por todo o territorio afectado por aquela cultura.
Tamén dixo que os imperios teñen unha duración limitada de cinco séculos e medio aproximadamente. Isto quere dicir que unha e outra etapa das culturas son necesarias para o desenvolvemento da Humanidade e tamén que as estruturas políticas das nacións son cambiantes, e que as guerras adoitan producirse debido á resistencia a estes cambios.
Deulofeu afirmaba que é necesario que os ciclos dos imperios e das civilizacións deixen de producirse de forma violenta para facelo de forma pacífica, e a mellor forma de levalo a cabo é mediante a Confederación mundial de pobos libres.
A Confederación mundial de pobos libres consiste nunha pirámide política planetaria onde, na base, temos aos individuos, nun nivel máis arriba as nacións, encima os continentes e no vértice superior o mundo enteiro. É a culminación do proceso político da Humanidade que vive no noso planeta.
Todo individuo é representado dentro da súa nación, toda nación é representada dentro do seu continente e todo continente está representado dentro do mundo enteiro. Non hai ningún individuo por encima doutro, nin unha nación por encima doutra, nin un continente por encima doutro, senón individuos, nacións e continentes máis ou menos evolucionados os uns verbo dos outros.
A Unión Europea pode converterse algún día nunha verdadeira confederación continental de pobos libres, se todas as súas nacións, sen excepción, están representadas. Cada unha pode achegar ao conxunto, con voz propia, as súas solucións orixinais ao conxunto de nacións de Europa. Unha xustiza europea pode dirimir os conflitos entre nacións, da mesma forma que a xustiza de cada nación dirime os conflitos entre individuos.
Dentro dunha confederación continental de pobos libres, os cambios internos nas fronteiras administrativas non afectan ao bo funcionamento do conxunto, senón ao contrario. Ao ritmo lento dos ciclos dos imperios e das civilizacións, nalgunhas ocasións produciranse unións locais, noutras separacións locais, dependendo a decisión dos individuos que forman parte da comunidade que ha de tomar a decisión de unirse ou separarse.
Non só ten que ser o continente europeo que ha de organizarse desta forma, tamén o resto de continentes, baixo a forma de confederacións que teñen un tamaño axustado como para que todas as nacións que conviven neles queden representadas nos órganos comúns de decisión.
Os valores da liberdade, a igualdade e a fraternidade entre individuos, son completados polos valores da liberdade, a igualdade e a fraternidade das nacións e tamén dos continentes, afastando de nacións e continentes as guerras e as intervencións arbitrarias procedentes do exterior. Todas as nacións teñen a súa liberdade respecto ao dominio das outras, todas as nacións son igualmente representadas dentro dos órganos comúns de decisión, todas as nacións axúdanse fraternalmente no que cada unha das nacións necesita e participan fraternalmente dentro do proxecto político común.
Este obxectivo supón que todas as enerxías humanas empregadas para facer a guerra uns individuos contra outros, unhas nacións contra outras, e uns continentes contra outros, destínanse para facer evolucionar a Humanidade dentro de todos os ámbitos da súa actividade, co debido respecto cara á Natureza da que esta Humanidade depende.
É unha hipótese de traballo, pendente de demostrar publicamente, que o día que desterremos as guerras e logremos este obxectivo da Confederación mundial de pobos libres, darémonos conta que a pirámide non remata nos limitados confíns do noso planeta, senón que seremos merecedores de participar nunha estrutura política que supera as fronteiras do espazo.
Quizá por iso os antigos sinalábannos o camiño mediante unhas pirámides de pedra que aínda agora somos incapaces de reproducir. É quizais por iso que a pirámide política planetaria é a nosa porta ás estrelas.
Brauli Tamarit Tamarit.
Martes, 14 de Xaneiro de 2014.
Tradución ao galego: Elisa Borrazás.
Ligazóns relacionadas:
Alexandre Deulofeu: «Como chegaremos á confederación universal?».
Imaxinemos a Península Ibérica ocupada polos franceses.