«Estamos nun estado de dereito». É a afirmación que fan algúns políticos, funcionarios, xuristas, militares, etc. cando se refiren ao seu propio estado, especialmente nos sistemas parlamentarios actuais.
A verdade é que son 4300 anos os que nos separan dos que foron posiblemente os últimos estados de dereito do mundo: as cidades-imperio da antiga Mesopotamia.
Desde a aparición do diñeiro anónimo, acelerouse enormemente o comercio, pero á vez as institucións públicas víronse condicionadas por este instrumento, que fai que vivamos nun auténtico «Estado de feito» onde os que mandan de verdade son os poderes fácticos.
O diñeiro anónimo é unha ferramenta que non deixa proba xurídica, polo que constitúe un instrumento que facilita todo tipo de presións exercidas sen deixar probas e ao mesmo tempo deixa impunes as accións de quen realiza estas presións.
Se unha persoa ou un colectivo cometeu unha inxustiza cara a outro, a través do diñeiro anónimo ten a oportunidade de tentar subornar ao xuíz ou tribunal que o pode incriminar. Pero se o suborno non é aceptado, entón os subornadores frustrados poden pagar á persoa ou persoas que se dediquen a presionar ás persoas que rexeitaron o suborno, sen deixar probas xurídicas.
Se a unha persoa ou a un colectivo de persoas se lles esperta a conciencia, descobren a existencia dun problema e queren loitar pola aplicación dunha solución radical que solucione dito problema, os que viven do problema poden tentar, en primeiro lugar, subornar aos militantes, e, en segundo lugar, subornar á persoa ou persoas que presionen aos militantes para dificultarlles a súa loita en favor da evolución humana no seu ámbito de actuación.
O instrumento do diñeiro anónimo tamén permite que sexan os aparellos represores dos mesmos estados os que exerzan impunemente de ferramenta de presión a prol dos poderes fácticos, cando estes últimos subornan suficientemente aos políticos que xestionan este estado, con independencia da súa orientación partidista. Os políticos que se beneficiaron do suborno van afirmando que os seus cidadáns viven nun «Estado de dereito», mentres eses mesmos políticos presumen da súa aparente e inmerecida boa imaxe.
En todos estes casos, se calquera persoa decide emprender accións legais contra os poderes que a presionan, na abafadora maioría de ocasións, o acusador convértese en acusado por falta de probas.
O que vale para o diñeiro anónimo, tamén vale para o diñeiro telemático anónimo (as criptomonedas como o Bitcoin) e para o diñeiro telemático non anónimo que está baixo control dunha rede telemática, o xestor da cal pode alterar arbitrariamente o seu contido, posto que o resultado é o mesmo, se a rede monetaria telemática está en mans de persoas que poden abusar deste control e non responden ante ninguén.
A transformación do instrumento monetario nunha ferramenta que fomente a transparencia e a responsabilidade é, pois, a reforma política máis importante, pois facilitará a asunción de moitas outras reformas necesarias dentro da nosa sociedade.
En cada inxustiza colectiva, unha minoría adoita ser a beneficiaria, e a inmensa maioría resulta prexudicada, de forma que todos, en maior ou menor grao, somos vítimas nalgún aspecto. Esclarecedores son os informes da NASA e da ONU que afirman que «os ricos» poden acabar coa nosa civilización. Substituímos na frase «os ricos» polos «poderes fácticos» que presionan ás persoas e os colectivos que queren salvar a civilización, para transformala nunha estrutura en favor dos seres vivos, e darémonos de conta moito mellor da situación. Polo tanto, cando se produza, a reforma monetaria non será unha revolución dos uns contra dos outros, senón que a longo prazo será unha revolución a prol de todos.
Cal será o primeiro «Estado de dereito» do mundo despois de 4300 anos? A súa creación representará tamén o inicio da revolución da responsabilidade.
Brauli Tamarit Tamarit.
Luns, 13 de Outubro de 2014.
Tradución ao galego: Elisa Borrazás.
Ligazóns relacionadas:
Pequena historia da moeda.
Dúas entrevistas a Martin Armstrong. O visionario.