Català | Castellano | English | Français | Deutsch | Italiano | Galego | Esperanto
En aquest lloc «web» trobareu propostes per fer front a problemes econòmics que esdevenen en tots els estats del món: manca d'informació sobre el mercat, suborns, corrupció, misèria, carències pressupostàries, abús de poder, etc.
Fronte | Quen somos? | Contacto ed e-mail | Blog

• Publicacións:

Pequena historia da moeda.
Agustí Chalaux de Subirà, Brauli Tamarit Tamarit.

O Capitalismo Comunitario.
Agustí Chalaux de Subirà.

Un instrumento para construír a paz.
Agustí Chalaux de Subirà.

• Publicacións do Centro noutros idiomas:

Ensaio sobre moeda, mercado e sociedade.
Magdalena Grau Figueras, Agustí Chalaux de Subirà.
(Castellano). (Català). (English).

O poder do diñeiro.
Martí Olivella.
(Castellano). (Català). (English). (Italiano).



Documentos multimedia.

Documental A moeda telemática, un instrumento para a paz.
(Castellano). (Català). (English). (Italiano).

Imaxinemos a Península Ibérica ocupada polos franceses.

Un amigo de lingua castelá comentaba con estrañeza a razón de que moitos cataláns quixesen que a súa nazón tivese un estado independente. Ao que cal lle respondín: «Imaxína que os franceses te obrigan a abandonar a túa lingua e cultura castelás, forzándote á aprendizaxe do francés e a que a considerases a túa lingua propia». Entendeuno decontado.

Daquela resposta saíu unha pequena historia de ficción, destinada a facer entender ás persoas doutros pobos da Península Ibérica por que os cataláns queremos un estado propio, practicando este exercicio consistente en «se queres entender ao outro, ponte no seu lugar». Imaxinemos daquela a Península Ibérica ocupada polos franceses.

Imaxinemos a Península Ibérica ocupada polos franceses.

Napoleón na Península Ibérica.Resulta que toda a Península Ibérica fica ocupada polos franceses despois das guerras napoleónicas. Unha guerra que terminou cando Napoleón entrou na cidade de Cádiz, un 11 de setembro de 1814, despois de catorce meses de sitio.

Os ocupantes franceses prohiben entón as linguas ibéricas e impoñen o francés como lingua oficial nas escolas, as institucións políticas, a administración, a xustiza, a cultura, o exército, etc. A prensa, a literatura e os libros de texto da Península deben escribir os seus contidos en francés. A censura traduce ou fai traducir aos propios autores ibéricos os seus libros ao idioma galo, cambiando os seus contidos para adaptalos á ideoloxía dominante do imperio, eliminando da circulación todas as obras orixinais das diferentes linguas ibéricas, para que así se perda o rastro da súa verdadeira orixe.

Os libros de historia e as enciclopedias novamente publicadas deben adaptarse á nova realidade. A censura implícita ou explícita dános a entender que, en verdade, a orixe da cultura da Península Ibérica estivo en Francia; que franceses foron os seus artistas, filósofos, científicos, políticos, exploradores, etc.

Tras un período de tempo de ocupación e goberno militar, morre Napoleón I e os franceses convocan eleccións ás dúas cámaras de todo o imperio. Os deputados de fala francesa son maioría en ambas. Elabórase unha Constitución do imperio, os artigos principais da cal só se poden modificar mediante unha maioría cualificada e, a continuación, a convocatoria dun referendo decisorio de todos os cidadáns do imperio. Decídese entón ofrecer un estatuto de autonomía á Península Ibérica, cunha presidencia e un parlamento autonómicos.

A Constitución do imperio, nun dos seus primeiros artigos, garante a indisoluble unidade da patria imperial, sendo avaladoras as súas forzas armadas. As súas tropas celebran unha vez ao ano, o «Día da francesidad», desfilando baixo o Arco de Triunfo de París, co novo emperador saudando as diferentes unidades, xunto aos seus ministros e os presidentes das autonomías que queiran asistir.

Na cámara autonómica ibérica, os parlamentarios poden falar en francés e no resto de idiomas da Península. Os representantes da Península asisten ás sesións parlamentarias das dúas cámaras do Parlamento de París, onde están en minoría fronte ao resto de parlamentarios do conxunto do imperio.

No Congreso de Deputados e o Senado franceses, só é oficial o francés, exceptuando un día sinalado no ano en que, por unha grande deferencia e xenerosidade por parte da maioría, os parlamentarios dos diferentes territorios de fala non francesa poden falar nos seus idiomas nativos, facilitando, iso si, unha tradución simultánea de cada lingua ibérica cara ao francés, para que os parlamentarios franceses nativos non teñan que molestarse en escoitar unha lingua que non senten como súa. Se un parlamentario ibérico se expresa na súa lingua propia fóra desta data, o presidente da cámara retíralle a palabra e fai desconectar o son do micrófono.

Paralelamente, o Imperio francés no seu conxunto ingresa na Unión Europea. Nas eleccións ao Parlamento Europeo, existe unha demarcación única para o Imperio francés, onde os deputados dos territorios da Península Ibérica, unha minoría reducida do conxunto imperial francés, están representados cun número de deputados moi por baixo doutros estados europeos de poboación similar á íbera. Un dos membros da Mesa do Parlamento Europeo, un deputado ibérico «afrancesado», prohibe repetidamente o uso e a oficialidade das linguas ibéricas na cámara europea, afirmando que, co idioma francés, estes deputados ibéricos deben sentirse máis que orgullosos.

Hai políticos franceses que critican a actitude dos pobos ibéricos cando defenden a súa lingua, cultura e nación nativas, cualificándoa como «nacionalista», «provinciana», etcétera, mentres que a defensa da lingua, cultura e nación francesa cualifícana como unha actitude normal de calquera cidadán do imperio.

Entrementres, na Península, certos investigadores ibéricos descobren, mediante un labor digno dos mellores detectives que, dentro do que sobreviviu na censura gala, unha boa parte da creación literaria atribuída como francesa, posúe contradicións e xiros lingüísticos suficientes como para demostrar que moitas daquelas creacións, cuxa orixe se atribúe naquel entón á Illa de Francia, son, en verdade, obras orixinarias dos diferentes pobos da Península pero traducidas ao francés. Ademais, descobren que o seu contido e autoría foron manipulados e terxiversados.

Curiosamente, hai algúns intelectuais e artistas franceses, entre os que se producen honrosas excepcións, que se escandalizan pola publicación e difusión do resultado destas novas investigacións. Afeitos a que a súa cultura asumise esta abundante creación ibérica como súa, séntense coma se fosen vítimas dun furto, cando, en verdade, foron os seus antecesores os usurpadores. Os cualificativos destes intelectuais e artistas cara aos investigadores ibéricos varían entre a condescendencia e o insulto máis descarado.

Ademais, constátase, nalgúns exercicios orzamentarios, que os diferentes pobos da Península Ibérica son contribuíntes netos ao erario público francés, e que reciben moito menos diñeiro do que a administración francesa recada nos seus respectivos territorios. Este descubrimento en si non é un feito nada excepcional, porque sempre que hai unha metrópole dominante dun imperio e unha colonia suxeita á anterior, a colonia achega máis recursos á metrópole que á inversa. Máis adiante, as balanzas fiscais non se dan a coñecer ao público para non espertar aínda máis o sentimento «nacionalista» ibérico.

Chegou un día en que os diferentes pobos da Península Ibérica se manifestan masivamente pola independencia, fartos da marxinación, do maltrato e o espolio que as súas nazóns sufriron. Fan a demostración xustamente un 11 de setembro, aniversario do día da súa derrota decisiva en Cádiz ante os exércitos napoleónicos, convertida en data da súa celebración nacional, silenciada, nos primeiros tempos, polos medios de información da Illa de Francia.

Tras unha negociación infrutuosa co presidente do Consello de Ministros francés, o presidente da Comunidade Autónoma ibérica decide disolver a súa cámara autonómica, convocando novas eleccións e propondo realizar un referendo na seguinte lexislatura, para que os seus habitantes decidan se queren ser un estado independente ou non.

O presidente do Consello de Ministros francés fai entón declaracións no sentido de que un referendo destas características atópase fóra da Constitución imperial francesa. Que fóra desta Constitución non hai Unión Europea que valla. Interpreta que un novo estado xurdido do Imperio francés non pode pertencer a esta Unión. Ameaza con vetar o ingreso do novo estado da Península, se esta independencia se produce. Ademais, afirma que unha Península Ibérica independente é inviable economicamente e que os seus habitantes vivirían na maior das indixencias.

Hai políticos «afrancesados» ibéricos que tamén se manifestan na Península a prol da súa pertenza ao Imperio francés. Eloxian con orgullo a irmandade do pobo francés e ibérico froito da ocupación napoleónica, e advirten do perigo da división da poboación da Península Ibérica entre independentistas ibéricos e «afrancesados».

Con todo, hai outros políticos, independentistas ibéricos, que afirman que unha Península Ibérica independente debe ser un novo estado da Unión Europea, en igualdade de condicións co antigo Imperio francés e co resto de nacións europeas e coas súas linguas nativas como oficiais do novo estado. Defenden que esa independencia debe producirse de forma non violenta.

Así mesmo, debaten entre eles a conveniencia ou non de prolongar a cooficialidade do idioma francés no seu territorio. Uns argumentan que hai que respectar as xeracións de persoas que conviviron con esta lingua oficial na Península, co fin de evitar unha división social que pode frear o proceso de emancipación peninsular. Outros responden que a lingua francesa non está en perigo de extinción, porque pode seguir sendo oficial en territorio francés, mentres que as linguas peninsulares si están en perigo, se non dispoñen dun ámbito xeográfico onde o uso de cada unha delas sexa imprescindible.

Conclusión.

Até aquí esta historia, que para os cataláns é profundamente familiar e esclarecedora. Este conto serve para explicar que os membros de calquera nación queren ser eles mesmos e non outros. Pero que queiramos ser nós mesmos e non outros non quere dicir que queiramos crear unha nova relación de dependencia, senón que non queremos que haxa nacións de primeira: as metrópoles de cada imperio, e nacións de segunda: as súas colonias. Tan sinxelo como que cada nación debe ser libre e debe poder participar, con voz propia e de igual a igual, dentro do proxecto político común de cada continente, como cada continente debe participar, con voz propia e de igual a igual, dentro do proxecto político común do mundo enteiro.

En Barcelona, a domingo, 2 de decembro de 2012.
Tradución ao galego: Elisa Borrazás.


Ligazóns relacionadas:

Alexandre Deulofeu: «Como chegaremos á confederación universal?».

A pirámide política planetaria.

Home | Publicacións | Contacto ed e-mail